lunes, 25 de noviembre de 2013

BORROKAN VEÑEN A GALICIA E NON FAI FALTA ENTENDER NADA

PORNO quere facer algo útil pola sociedade galega e, como parte de todo ese proceso, trae a Galicia a unha das bandas máis excitantes de Euskadi: BORROKAN. Farán dúas únicas datas en dous dos lugares máis importantes de Galicia. A primeira en Ourense, concretamente no Café Cultural Auriense, o venres 6 de decembro ás 9 da noite. A segunda no Liceo Mutante, concretamente en Pontevedra, o sábado 7 de decembro ás 8 da tarde. Acompañados por UPPERCUT, o grupo PORNO máis canino. Non se esixe etiqueta nin formación educativa, porque esta música fala claro. Non fai falta entender nada, isto funciona a outro nivel.

Que é o que fai a Borrokan tan especiais? En PORNO non entenden o euskera, pero si que oíron algunha vez que era a lingua máis antiga de Europa, que estaba aí como un misterio dende sempre, que mantén porque case ninguén o entende. Escoitar a Borrokan é parecido. Podería dicirse que tocan Post-Rock, pero tócano como se o Post-Rock existira xa dende bastante antes de que Jerry Lee Lewis prendera lume ós pianos. Teñen unha maneira de encaixar sons uns con outros que é igualmente misteriosa, con esa perfección sabia da xente antiga, que podía facer cousas tan complicadas como a muralla de Lugo sen que houbera unha pedra de máis. Alternando ruido e silencio fan cousas marabillosas e logo volves á casa e sorpréndeste a ti mesmo tendo ganas de volver dentro daquelas cancións e perderte dando un paseo e observando cada patrón rítmico. É música feita con instrumentos pero tan intensa que parece feita coas mans. Presentan o seu terceiro disco Zuak, de obrigada adquisición para calquera que non sexa un autómata.

Por se non fora dabondo, Uppercut abrirán o camiño para eles coa súa música de xente asustada. Pero non asustada en plan de fuxir correndo, senon asustada da que devolve os golpes e se revolve como unha anguila perfecta. Móvense sen parar, arriba e abaixo pero sobre todo arriba. Ás veces son como unha patada e outras como un abrazo. Escoitalos é como estar casado cun boxeador cubano de gran corazón pero moi temperamental: ó final o sexo é marabilloso. Morden, atacan en vertical e en gallardo, pum, pum, pum. Parece que non, pero saben o que necesitas. Son como intelectuais sen a pretenciosidade, poñendo toda a cabeza en construír unha cousa chea de beleza. E inda por riba como se fora sen querer. Hai xente que o ten, e non é culpa de ninguén.

PORNO ofrece máis información para os que non teman perder a capacidade de sorprenderse. A música de Borrokan está en Internet, o invento do futuro que xa está aquí e do que todos formamos parte. Concretamente en http://www.ertza.net/borrokan/diskografia/. A Uppercut pódeselles escoitar en http://discosporno.bandcamp.com/ pero sempre con moito coidado. Nas redes sociais irán aparecendo máis detalles para que a sociedade galega non teña que molestarse en buscalos. Sempre que non teña medo a entrar en https://www.facebook.com/discos.p0rn0 ou https://twitter.com/DiscosPorno. Prescinde dos autómatas. Con PORNO todo é sinxelo e non fai falta entender nada.


No hay comentarios:

Publicar un comentario