lunes, 25 de noviembre de 2013

FESTIVAL PORNO FELINO: PREZOS BAIXOS E VOLUMES ALTOS


FESTIVAL PORNO FELINO: PREZOS BAIXOS E VOLUMES ALTOS

Grrroaoorr! Animado pola enerxía do depredador, PORNO non descansa e prepara unha boa para axitar Ourense o sábado 23 de novembro. Nada menos que o FESTIVAL PORNO FELINO, unha xornada de proporcións épicas no Café Cultural Auriense baixo dúas premisas a manter, marca de fábrica: prezos baixos e volumes altos. Por só 5 ridículos euros o oínte intelixente merca o dereito a horas de movemento salvaxe na compañía de catro bandas: os perigosos Tigres Leones, os horrorosos Monstruo, os imparables Thee Boas e os desenfrenados Small Stars. Está permitido todo tipo de baile, en especial o máis incoherente!

Nin nas mellores feiras da provincia se atopa algo parecido ós Tigres Leones, co terrorífico atractivo do poderío animal e saber que a túa vida corre perigo. Normal, porque esta banda vén da capital, da capital de España! Unha das xoias de Sonido Muchacho, selo independente de referencia en Madrid, cunha música incluso mellor que o seu nome. Psicodelia con matices, melodías fabulosas e potencia garaxeira nunhas guitarras que arden e ruxen como motores. Traen xa rodado o seu LP Mucho Spirito, cheo de ritmos encendidísimos e que prenden como un chisqueiro.

Atención, terra da chispa! Monstruo están de volta e o seu son sona tan enfermo coma sempre. Enfermidade da que non mata pero non che deixa vivir: reuma, contracturas, gripe, fungos, herpes. Novos temas e máis enerxía por aquelo de xogar na casa, que é o único lugar onde un enfermo se sinte a gusto. Concretamente nun garaxe poden pasar moitas cousas, e o que lle pasou a este grupo é unha mestura de todas elas. Rabia pop, sensibilidade punk, trapallada vangardista.

Thee Boas son como unha locomotora sen freos, firme no seu traxecto cara a destrución total do que agarre por diante. Máis madeira! Guitarras como mistos e unha base rítmica como un bidón de gasolina para prender lume a todo o que haxa dentro do garaxe. Eles van berrar e ó público non lle quedará outro remedio. Igual que antes os Stooges ou Dead Moon, Thee Boas levan o demo dentro e se é a túa noite de sorte podes saír con el metido nos pantalóns. Veñen da capital de Galicia.

E por último, pero non menos importante, Small Stars veñen do moi ó sur (A Guarda) como todos os grupos que son realmente auténticos. Non están dispostos a ningunha concesión. Non só son un power trio, senon que son un trío poderoso. Un trío que recolle as sementes variadas do punk que sementaron os Adverts, os Wipers ou Fugazi para escupilas á cara ou botarllas ós espectadores no cubata mentras están axitándose na pista de baile. Non hai opción de baixarlles o volume.

O FESTIVAL PORNO FELINO é baile, arañazos, ruido, ritmos, descontrol, rabia, armonía colectiva, desenfreo salvaxe, lume, fuego, fire. Non hai dúbida posible: para aqueles que levan vidas aburridas, este pode ser o momento de cambialo. A xente guapa, os que levan vidas de goce ético e estético estarán no Auriense o sábado 23 ruxindo como gatos de Youtube. Grrrrr! Brrr!


http://tigresleones.bandcamp.com/

http://monstruo.bandcamp.com/

http://theeboas.bandcamp.com/

http://discosporno.bandcamp.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario